Ata o de agora andiven inmersa na operación cueiros*, por mor dun cativiño que está a piques de vir!
Fixen unha morea deles, de tódolos tipos...que loucura!! Aquí vou amosar un dos primeiros moi sinxelo de facer e con materiais de andar por casa. Unha especie de axustado con insertable de quita e pon (necesitaría un cobertor impermeable, claro!).
O primeiro é facer o patrón. Podes utilizar como referencia algún que xa teñas de tea ou dos desbotables, facelo tí mesm@, ou ben descargar algún dos que hai na rede, no blogue de
Flordejara atópase unha boa recopilación deles, e uns tutoriais en castelán boísimos!
Logo hai que debuxar o patrón sen esquecer as marcas para os elásticos e os broches (se os prefires ao velcro), na tea dobrada se empregas a mesma para o interior e o exterior (eu usei tea de sudadeira 100% algodón, e tea de camiseta para as estreliñas).
Cortamos os elásticos (aproximadamente á metade do percorrido debuxado), xuntamos as teas revés con revés, pasamos un pespunte nun extremo do elástico e dende él seguimos cosendo recto ata fixar o outro extremo, como se ve na foto, de maneira que quede un carril aberto que despois remataremos.
Despois de prender os elásticos das pernas e traseiro, pasamos directamente un zig-zag por todo o contorno do cueiro unindo así as dúas teas. Se tedes remalladora quedará moito máis profesional :)
Ah! eu finalmente decidinme polo velcro, mais se preferides broches, poñédeos antes de pasar o zig-zag de xeito que queden ocultos e non rocen ao cativo.
Agora pasamos a facer o insertable.
Recortei tres capas de rizo algodón e logo unha tira longa da camiseta para dobrar e coser só polos bordes facendo unha bolsiña onde meter a toalla, antes de pechala puxen un broche. NOTA: é mellor pasar un pespunte unindo o rizo coa camiseta para que non se deforme no lavado!!
Os insertables ou absorbentes poden tamén integrarse no corpo do cueiro, pero desta forma acelérase o secado.
E así quedou...
En principio decanteitme polos tecidos naturais e se poden ser reciclados mellor: tea de camiseta e toallas vellas foron a miña elección, é posible que outros materiais absorban máis ou abulten menos, que si cáñamo, bambú, microfibra, zorb...mellor probar co que temos pola casa, máis ecolóxico imposible! Agora a ver como funcionan..